Raúl Bergua leva o Bádminton Ravachol até Tailandia: "Foi unha experiencia fascinante"

Pontevedra
04 de febreiro 2025
Actualizado: 12:57

O xogador do club pontevedrés formou parte dun exclusivo stage de adestramento en Bangkok como integrante do equipo nacional que adestra no CAR Blume de Madrid

Raúl Bergua, no stage de adestramento celebrado en Tailandia
Raúl Bergua, no stage de adestramento celebrado en Tailandia / CB Ravachol Pontevedra

Do Ravachol Pontevedra a Tailandia.

Raúl Bergua, promesa do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, participou entre e 19 de xaneiro e o 1 de febreiro nun exclusivo stage de adestramento en Bangkok, como integrante que é do equipo nacional que adestra no CAR Blume de Madrid.

Foron dúas semanas de intensa preparación compartindo pista e experiencias con algúns dos mellores xogadores asiáticos.

"O stage en Tailandia foi unha experiencia fascinante. O nivel en Asia é altísimo e tivemos a oportunidade de adestrar con xogadores que achegan moita calidade e coñecementos. Agora toca asimilar todo o apreso e volver á competición co mellor nivel posible", explica Bergua tras esta aventura.

Ademais, aproveitando a viaxe, tivo a oportunidade de asistir ao World Tour 300, celebrado na capital tailandesa.

Tras esta positiva experiencia, agora Raúl Bergua prepárase para debutar, con só 16 anos, na División de Honra no duelo da próxima xornada de liga que medirá ao Ravachol o próximo 9 de febreiro co actual campión de liga, o IES La Orden de Huelva.

Doutra banda no Bádminton Pontevedra están tamén estes días de parabén pola primeira convocatoria nacional de Suevia García.

A xogadora pontevedresa foi citada a unha concentración da Selección Española Sub-11 que levará a cabo do 27 de febreiro ao 2 de marzo no Centro de Alto Rendemento de Madrid.