Despois duns meses complicados e tras a operación de corazón á que foi sometida para solucionar un pequeno problema cardíaco, chega o principal obxectivo da tempada para Bea Gómez Cortés, o Campionato do Mundo de Natación.
A pontevedresa xa se encontra en Kazan (Rusia), onde chegou xunto ao resto do equipo nacional coa moral alta tras os bos resultados do recente Campionato de España.
En Barcelona Bea logrou tres medallas, dous delas de ouro, e o que é máis importante, achegouse ás marcas de antes da operación, demostrando que a súa recuperación está preto. De feito nos 400 estilos parou o crono en 4:43.11, a pouco máis de tres segundos do seu record galego.
Non estará aínda ao 100% pero probarse na alta competición é un paso máis cara á súa principal meta, a clasificación olímpica que debe buscar a próxima tempada.
En Kazan a nadadora do Galaico afrontará dúas probas, os 800 libre e os 400 estilos, pero para vela en acción haberá que esperar aos últimos días do campionato.
Bea Gómez debutará o venres 7 de agosto, en horario matinal, coas eliminatorias dos 800 libre, cuxa final en caso de clasificarse se disputaría o sábado 8 (19:55 horas).
En canto aos 400 estilos, están fixados para o domingo 9 de agosto, último día de competición, coas series a primeira hora da mañá e a final ás 17:49 horas da tarde.