O Equipo Nacional de natación convocou a un total de 19 nadadores para participar no VI Meeting Open Mediterranée que se celebra a próxima fin de semana, do 3 ao 5 de marzo, na localidade francesa de Marsella.
Entre eles estará Bea Gómez Cortés, no que será unha boa pedra de toque na súa preparación para un dos grandes obxectivos da tempada, o Open de Primavera que acollerá Pontevedra en abril e que será clasificatorio para o Campionato do Mundo de Budapest.
Bea, que trata de deixar atrás os problemas físicos que minguaron o seu rendemento desde hai máis dun ano, participará en cinco probas na competición que se disputará na piscina de 50 metros do Cercle deas Nageurs.
A deportista do Galaico nadará os 100 braza, 200 e 400 estilos e os 100 e 800 libre.