Bea Gómez estrea o seu calendario internacional no Meeting de Luxemburgo

Pontevedra
28 de xaneiro 2015

A pontevedresa formará parte do Equipo Nacional Absoluto na competición que se celebrará dende o venres 30 de xaneiro ata o domingo 1 de febreiro

Fernando Zarzosa, María Vilas, Bea Gómez e Luisa Domínguez no Nacional de Sabadell Federación Galega de Natación

Co Campionato do Mundo de Kazán (Rusia) en mente como principal obxectivo da tempada, Bea Gómez Cortés inicia esta fin de semana o seu calendario internacional.

A pontevedresa intentará mellorar o seu estado de forma e achegarse ás súas mellores marcas no 17º Luxemburgo Euro-Meet, que se disputa entre o venres 30 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro.

A nadadora do Galaico participará na cita co Equipo Nacional Absoluto, estando inscrita nos 800, 400, 200 e 100 libre e nos 200 e 400 estilos.

Xunto a ela estará en Luxemburgo a ribeirense María Vilas, que nadará as mesmas probas que Bea, e Luisa Domínguez, a que ata hai uns meses era adestradora da lerezana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.