Un total de 3.622 deportistas de 26 nacionalidades. Son os impresionantes números de participación dos XVIII Xogos Mediterráneos que se disputarán a partir do próximo venres 22 de xuño en Tarragona e que contarán con varios representantes do deporte pontevedrés.
O Comité Olímpico Español confirmou o equipo nacional que tomará parte nos xogos, un total de 398 deportistas entre as diferentes disciplinas incluídas no programa.
Alí estará por exemplo a pontevedresa Bea Gómez Cortés para participar nas probas de natación, fixadas para os días 23, 24 e 25 de xuño. En concreto, a actual nadadora do CN Sabadell competirá nos 200 estilos, fixados para o domingo 24 de xuño.
Outra deportista da cidade será Lydia Pérez Touriño na modalidade de loita olímpica, cuxa competición está prevista os días 25, 26 e 27. Lydia apurou a súa preparación a pasada semana cunha concentración no CAR de Madrid no que mediu o seu estado de forma ante medallistas mundiais e olímpicas, como a tunisiana Marwa Al- Amri ou a sueca Sofía Mattsson.
En atletismo Frank Casañas, deportista cubano afincado desde hai anos na cidade de Lérez, desde onde preparou por exemplo a súa participación en Río 2016, foi seleccionado polo equipo español para competir no lanzamento de disco. As probas atléticas disputaranse entre o 27 e o 30 de xuño.
Tamén estará en Tarragona a piragüista Teresa Portela, buscando os postos de honra na modalidade de kaiak os días 23 e 24 de xuño, sen esquecer a outros representantes da zona como os cangueses Solange Pereira (atletismo) ou Rodrigo Germade (piragüismo) que tamén estarán presentes no evento.