O Centro de Alto Rendemento Deportivo de Serra Nevada acolle dende esta semana unha nova concentración do equipo nacional de natación, ao que volve Beatriz Gómez Cortés.
A nadadora pontevedresa retoma os adestramentos unha vez recuperada da operación á que foi sometida para solucionar unha anomalía cardíaca.
Bea traballará os próximos días xunto ao groso dos deportistas que acudirán en agosto ao Campionato do Mundo de Kazán (Rusia), onde a nadadora do Galaico espera chegar en plena forma para afrontar as probas nas que logrou a mínima, os 800 libre e os 400 estilos.
Antes, podería reaparecer nalgunha das competicións programadas polos técnicos da Federación Española de Natación, como o Circuíto Mare Nostrum en xuño ou o Campionato de España de Verán en xullo.
A convocatoria do equipo nacional en Serra Nevada complétana: Jessica Vall, África Zamorano e Juan Miguel Rando (CN Sant Andreu); Judith Ignacio, Miguel Durán e Marc Sánchez (CN Sabadell); Melani Costa (UCAM Fuensanta), Duane da Rocha (CN Mijas), Marina García (CE Mediterrani), Catalina Corró (CN Palma de Mallorca) e Víctor Martín (CN Churriana).