Bea Gómez xógase a súa última baza olímpica no Nacional Open de Sabadell

Pontevedra
24 de marzo 2021

A nadadora pontevedresa apura as súas opcións de clasificación olímpica no Campionato de España Absoluto Open que comeza este mércores 24 de marzo en Sabadell e que é a segunda e última cita selectiva para os Xogos. O Galaico acode á competición con dúas deportistas

Bea Gómez durante o Campionato de España Open 2017 en Pontemuíños
Bea Gómez durante o Campionato de España Open 2017 en Pontemuíños / Diego Torrado

Todo a unha carta. Bea Gómez Cortés encara a súa última oportunidade de clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokyo no Campionato de España Open Absoluto que comeza este mércores 24 de marzo en Sabadell.

Trátase da segunda e definitiva cita selectiva para compoñer o equipo nacional que competirá en Xapón, e outorgará á súa vez prazas para o Campionato de Europa Absoluto que se celebrará o próximo mes de maio en Budapest, no que tamén valerías as mínimas.

A deportista pontevedresa, olímpica en Londres 2012, preparouse a conciencia para o evento e competirá representando ao seu novo club, o CN Santa Olaya asturiano. O obxectivo é apurar, por mínimas que sexan, as súas opcións de estar en Tokyo. Para iso só existe un camiño, nadar por baixo da marca mínima A esixida pola FINA nas finais de tarde, con dous billetes máximo por proba.

Bea participará no Open en dúas distancias, os 200 libre e os 200 estilos, que respectivamente contan cunhas mínimas establecidas en 1:57.28 e 2:12.56. Difícil, pero non imposible.

A súa primeira oportunidade chegará no 200 libre, programado para este xoves 24 de marzo, mentres que a segunda, os 200 estilos, terá lugar o vindeiro sábado día 27.

O GALAICO, CON DÚAS REPRESENTANTES

O Club Natación Galaico estará representado tamén no Campionato de España Open con dúas das súas nadadoras.

O programa máis completo será o que afronte Alicia Bouzas participando nos 400, 800 e 1.500 libre, nas 200 costas e nos 400 estilos, mentres que a caldense Antía García competirá nos 50 libre e na 50 bolboreta.