Beatriz Felpeto inicia cun ouro en Pamplona o camiño cara ao Mundial de taekwondo

Pontevedra
11 de outubro 2021

A deportista do Mace Sport, xunto ás súas compañeiras Elena Varela e Zaida Velo, colocouse líder do ranking nacional de técnica na categoría de trío coa vista posta no Campionato do Mundo que se celebrará en Korea

Beatriz Felpeto, Elena Varela e Zaida Velo no Open de Pamplona de taekwondo Club Taekwondo Mace Sport

Pamplona marca o inicio dun reto maiúsculo para Beatriz Felpeto, deportista do Club Taekwondo Mace Sport de Pontevedra.

A deportista do club pontevedrés iniciou con nota o camiño cara ao Campionato do Mundo de Técnica que se celebrará en Korea en 2022, ao impoñerse no Open de Pamplona, primeira cita puntuable para buscar a clasificación.

Felpeto conseguiu a vitoria na modalidade de trío xunto ás tamén galegas Zaida Velo e Elena Varela, logrando poñerse á fronte do ranking nacional.

O trío defenderá agora a súa posición de privilexio na seguinte xornada puntuable e que ademais terá lugar en casa, co XXIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra previsto para os días 30, 31 de outubro e 1 de novembro.

En Pamplona tamén competiu outro representante do Mace Sport, Ángel López, conseguindo a medalla de bronce na modalidade de freestyle.