Bo ambiente na primeira xornada do Nacional Infantil e Júnior de natación

Pontevedra
27 de febreiro 2014

A piscina olímpica de Ponte Muíños acolle o evento ata o domingo, día 2 de marzo, coa participación de máis de 700 nadadores de 192 clubs

Primeira xornada do Campionato de España Infantil e Júnior de natación 2014 Mónica Patxot

Co ambiente e o colorido propio das grandes citas, a piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur, en Ponte Muíños, acolleu a primeira xornada do Campionato de España Infantil e Júnior de natación.

Ata o domingo 2 de marzo máis de 700 nadadores de 192 clubs competirán na instalación pontevedresa nunha proba na que ademais do propio espírito de superación, os deportistas se xogan a súa clasificación para os eventos internacionais da tempada, tales como o Europeo Júnior de Holanda ou a Comet Cup infantil.

O público asistente seguiu con atención as evolucións na dobres sesión deste xoves, con clasificatorias pola mañá e finais pola tarde.

Nas diferentes probas participou xa boa parte da representación do club local, o Natación Galaico.

Así Nuria Erselle e Águeda Cons finalizaron nos postos 11 e 34 respectivamente dos 400 estilos en idade infantil, mentres a júnior Paula Goyanes, na mesma distancia, logrou o décimo terceiro posto.

Erselle repetiu participación nos 100 costas, aínda que renunciou a competir na quenda de tarde, mentres o relevo feminino do 4 x 200 infantil clasificou nun meritorio cuarto lugar cun equipo formado por Erselle, Cons, Inés Gómez e Sheila Moldes.