Boa actuación do Froiz e XSM na Copa de España de Ciclocrós

Pontevedra
18 de decembro 2022

A cidade valenciana de Xàtiva acolleu esta fin de semana as dúas últimas probas da Copa de España de Ciclocrós 2022, onde o Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o XSM de Marín realizaron unha moi boa actuación da man de Uxía Soto, Gonzalo Inguanzo, Lorena Patiño e María Filgueiras  

María Filgueiras (XSM) e Uxía Soto (Froiz) no podio junior da Copa España
María Filgueiras (XSM) e Uxía Soto (Froiz) no podio junior da Copa España / Federación Española de Ciclismo

A cidade valenciana de Xàtiva acolleu esta fin de semana as dúas últimas probas da Copa de España de Ciclocrós 2022, onde o Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o XSM de Marín realizaron unha moi boa actuación da man de Uxía Soto, Gonzalo Inguanzo, Lorena Patiño e María Filgueiras.

En categoría elite/sub 23 masculina, o ciclista do Froiz Inguanzo foi cuarto na proba disputada o sábado, por detrás de Felipe Orts, primeiro e gran favorito para facerse coa vitoria na súa terra, Venturini foi segundo e Doubey chegou terceiro.

Na carreira do domingo, Inguanzo impúxose nun rápido circuíto realizando un bo sprint nos últimos metros nos que superou a Venturini e Alain Suárez, segundo e terceiro respectivamente.

Con estes resultados, o da escuadra alimenticia proclámase mellor sub-23 da Copa de España.

En categoría mulleres, Froiz e XSM tiñan as miradas postas nas carreiras cadete e júnior.

En cadete, Lorena Patiño fixo dobrete, tanto sábado como domingo, impoñéndose con claridade contra os seus opoñentes e adxudicándose a Copa de España.

Finalmente, en categoría júnior, María Filgueiras (XSM) gañou na xornada do sábado, seguida de Uxía Soto (Froiz), que foi segunda.

O domingo, en cambio, Filgueiras tivo que cambiar dúas ocasións de bicicleta e Uxía Soto arrebatoulle a primeira praza. A do XSM chegou segunda tras un apertado sprint con Laia Bosch.