Boa imaxe do Peixe Galego a pesar de caer derrotado ante o COB Ourense

Marín
13 de setembro 2016

Os de Javi Llorente caeron 78-73 ante o equipo ourensán na segunda xornada da Copa Galicia de baloncesto, pero evidenciaron unha notable melloría

Tim Derksen, no partido de Copa Galicia entre Peixe Galego e Leyma Coruña
Tim Derksen, no partido de Copa Galicia entre Peixe Galego e Leyma Coruña / Diego Torrado

O Peixe Galego empeza pronto a dar motivos para crer nunha boa tempada e lograr o obxectivo da permanencia na LEB Ouro.

No seu segundo partido de pretempada, tamén de Copa Galicia, os de Javi Llorente puxéronlle as cousas moi difíles ao COB Ourense, rival da súa categoría que hai dúas campañas chegou a ascender a ACB, aínda que acabou renunciando ao premio.

Terminaron caendo por 78-73, nun partido disputado en Celanova, pero fixérono tras mostrar un gran nivel defensivo e manterse con opcións ata o súltimos segundos.

O COB dominou o electrónico, chegando ao descanso cun 39-33, pero nunca foi capaz de romper o encontro ante o acerto anotador de Tim Derksen e Jason Cain. De feito o Peixe púxose a dous puntos cando só restaban dous minutos (66-64), pero a calidade ofensiva do rival terminou decantando o choque ao seu favor.

Este xoves día 15 o Peixe Galego afrontará o seu terceiro compromiso de Copa Galicia. Será de novo ante un rival da súa categoría, o Breogán de Lugo, a partir das 20:30 horas na Raña.