Bos resultados do Galaico en dous campionatos autonómicos de natación

Pontevedra
08 de xuño 2016

Fin de semana atarefado para o Club Natación Galaico. Dúas competicións de ámbito autonómico fixeron competir a 55 nadadores do equipo pontevedrés, con grandes resultados para moitos deles

Equipo do Club Natación Galaico no campionato galego máster de verán
Equipo do Club Natación Galaico no campionato galego máster de verán / Club Natación Galaico

Fin de semana atarefado para o Club Natación Galaico. Dúas competicións de ámbito autonómico fixeron competir a 55 nadadores do equipo pontevedrés, con grandes resultados para moitos deles.

A piscina de Batallóns de Ferrol acolleu o sábado o Campionato Galego Promesas e o Galaico desprazou ata a cidade departamental a un total de 30 nadadores, que se enfrontaron aos dez clubs máis potentes de Galicia.

Os pontevedreses quedaron en segunda posición a tan só dous puntos do primeiro clasificado, o Club Natación Portamiña de Lugo. Proclamáronse, por tanto, subcampións galegos nesta categoría.

Pola súa banda, a Ponteareas viaxaron 25 nadadores, 14 homes e 11 mulleres, para competir no Campionato Galego Master de Verán.

Todos eles competiron a moi bo nivel, logrando un cuarto posto na clasificación conxunta dun campionato no que participaron 21 clubs galegos e 280 nadadores.

Entre os resultados destacan a medalla de ouro do relevo 4x50 libres, con Antonio Piñeiro, Rubén Fontenla, Pablo Piñeiro e Pablo Expósito, que lograron récord galego. O cuarteto repetiu medalla de ouro no relevo do 4x50 estilos.

O Club Natación Galaico conseguiu un total de 11 medallas de ouro, 10 de prata e 7 de bronce.