O Natación Galaico reina de novo no Campionato Galego

Pontevedra
27 de xuño 2016

O club pontevedrés impúxose na clasificación por equipos nas categorías absoluta e junior da competición, celebrada durante toda a fin de semana en Ourense 

Remuda 4x200 do Galaico que conseguiu o record galego en Ourense
Remuda 4x200 do Galaico que conseguiu o record galego en Ourense

O Club Natación Galaico mantén a súa hexemonía en Galicia despois de finalizar o Campionato Galego como o mellor equipo da competición.

Os pontevedreses, que desprazaron ata Ourense a 34 nadadores, impuxéronse nas clasificacións por equipos das categorías absoluta e junior despois dos tres días de competición.

Na categoría absoluta o Galaico impúxose con 956 puntos, polos 737,5 do Pabellón Ourense e os 736,5 do Fluvial de Lugo. Pola súa banda o equipo junior conseguiu 576 puntos, superando no podio a Club del Mar (525,5) e o CN Arteixo (390,5). Completou a participación pontevedresa o equipo infantil cun quinto posto na súa idade.

Os resultados do Galaico baseáronse na boa actuación de todo o equipo, aínda que a internacional Bea Gómez tivo un papel destacado e foi nomeada mellor nadadora do torneo, logrando o Trofeo Paula Carballido.

A nivel de marcas, o equipo pontevedrés de 4x200 libre feminino composto por Bea Gómez, Paula Goyanes, Nuria Erselle e Águeda Cons bateu o record galego absoluto cun tempo de 8:26.39.