Tras a alegría da fin de semana en Ourense, o Pontevedra Club de Fútbol céntrase xa no seu próximo encontro de liga coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo 5 , 12.00 horas) do Talavera, un choque no que tentará buscar o seu primeiro triunfo como local da tempada.
E é que na Primeira RFEF "gañar fóra da casa é moi importante, pero para poder salvarnos creo que tamén aquí en Pasarón temos que facernos fortes. Oxalá este domingo poidamos xa sumar de tres", recoñeceu este mércores en rolda de prensa Brais Abelenda..
O atacante de Val do Dubra é ata o momento un dos fixos nos plans do técnico, Rubén Domínguez, xa sexa actuando en banda ou, como no último encontro, como principal referencia ofensiva.
"O outro dia tocoume a min achegar nesa posición. Tratei de facer o que o míster pide e bueno, saíu ben, que conseguimos os tres puntos que ao final é o obxectivo, sexa na posición que sexa do campo. Eu estou habituado a variar en posicións do campo e moi contento", afirmou Abelenda restando importancia a este aspecto.
Nin sequera quixo pór énfase no seu primeiro gol do curso, xa que "son un xogador que si, que me gusta meter goles, pero tampouco é que me vaia a ir mal para casa se non meto. Con tal de que o equipo xogue ben e poder axudar os meus compañeiros voume contento sempre", destacou.
Brais aproveitou a súa comparencia para valorar tamén o bo momento que atravesa o próximo rival en liga, un Talavera recentemente ascendido pero que encadea catro xornadas sen perder (só saíu derrotado na primeira xornada do campionato).
"É un rival que vén con moi boa dinámica, que vén de gañar o outro día ao Lugo na casa", lembrou.
Pero non é o único que o está facendo ben no inicio de curso, porque "creo que todos os recentemente ascendidos estamos a bo nivel, ao nivel da categoría. Salvo o Tenerife que gañou todo, o resto de equipos creo que estamos moi igualados, competindo todos todos os partidos", afirmou o 8 granate.