Brillante segundo posto para Pablo Dapena na Copa de Europa de Constanta

Pontevedra
06 de setembro 2015

O triatleta pontevedrés realizou unha gran carreira en Romanía deixando atrás os problemas físicos que o lastraron esta tempada para colgarse a prata, só superado polo tamén galego Uxío Abuín

Pablo Dapena, nunha das transicións da Copa de Europa de Banyoles
Pablo Dapena, nunha das transicións da Copa de Europa de Banyoles / Federación Galega de Tríatlon

Grande carreira a protagonizada por Pablo Dapena na Copa de Europa ETU Premium de Constanta-Mamaia (Romanía).

O triatleta pontevedrés foi un dos protagonistas da proba recuperando as sensacións perdidas tras unha tempada lastrado polas lesións.

Dapena foi segundo en liña de meta só superado polo tamén galego e compañeiro de equipo Uxío Abuín. Ambos os dous mantivéronse sempre no grupo de cabeza dunha carreira disputada en distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé).

A competición decidiuse no tramo a pé, con Abuín marcando os mellores parciais para rematar cun tempo de 1:54:58, 26 segundos mellor que Pablo Dapena (1:55:24). Terceiro foi o ruso Andrey Bryukhankov (1:55:36).

Un resultado en Romanía que supón un golpe de moral para o pontevedrés no tramo final da tempada e que el mesmo celebraba co seu compañeiro de equipo ao termo da carreira, compartindo esta imaxe a través de Twitter.