Intenso final de tempada o que espera a Pablo Dapena, ansioso por lograr bos resultados tras un ano no que se viu lastrado por unha lesión que lle mantivo dous meses no dique seco.
Este domingo o pontevedrés iniciou en Cozumel (México) unha xira internacional que tamén o levará nas próximas semanas a Corea do Sur e China.
En Cozumel participou nunha proba da Copa do Mundo baixo distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé),
Dapena finalizou en México no posto 30 cun tempo de 56:08, nunha proba marcada pola calor e a humidade, a pouco máis dun minuto do vencedor, o sudafricano Richard Murray (55:03).
O triatleta galego non terminou satisfeito coa súa actuación, como explicou a través a súa conta de Twitter.
No ha sido un buen dia en Cozumel.Vine a por algo mejor que esta 30 posicion.Lo seguiremos intentando. #CozumelWC pic.twitter.com/rPIieuyFxa
— Pablo Dapena Gonzale (@pablitopiny) octubre 5, 2015
Pablo Dapena regresará agora a Pontevedra para preparar a súa participación noutra cita importante, a Copa do Mundo de Tongyeong (Corea do Sur) o próximo día 24 de outubro, onde intentará mellorar o seu rendemento nunha competición que se disputará en distancia olímpica.
Dende Corea, o pontevedrés viaxará directamente a Hong Kong para tomar parte da Copa Asiática o día 1 de novembro.
"Estou moi animado e con moitas ganas de dar o máximo. Conseguín recuperar forzas, logo da lesión sufrida este ano, e estou orgulloso de poder estar nestas competicións de alto nivel", sinalou antes de iniciar a xira.