Bronce para Irene Trabazo nos campionatos de España de ciclocrós

Marín
12 de xaneiro 2015

A ciclista marinense finalizou terceira na competición júnior, lonxe da medalla de ouro acusando o cansazo nun circuíto en difíciles condicións

Irene Trabazo no terceiro lugar do podio no Nacional de ciclocrós en Gijón Federación Española de Ciclismo

A brillante campioa da Copa de España de Ciclocrós, Irene Trabazo, non puido lograr o obxectivo de facer dobre no Campionato de España que se celebrou a pasada fin de semana en Gijón.

A ciclista marinense colgouse o bronce na proba júnior, a 4:35 da dominadora da xornada, a madrileña Rocío del Alba García.

Trabazo acusou o cansazo e a dureza dun circuíto complicado, con moito barro, e estivo lonxe do nivel mostrado ao inicio de tempada.

Segunda foi a tamén galega Desirée Duarte, a 3:20 da gañadora. Duarte participou ademais na proba de relevos na que Galicia finalizou terceira tras Asturias e Euskadi.

Pola súa banda Guillermo García, compañeiro de Irene Trabazo nas filas de Club Ciclista Marín, foi oitavo na proba cadete e a ciclista de Vilaboa Lucía Vázquez novena el categoría elite.