Bronce para Lara Lois e cuarto posto para Irene Trabazo no Campionato de España de BTT

Marín
20 de setembro 2020

A Selección Galega de BTT desprazouse este fin de semana a Valladolid para disputar o Campionato de España. Ao redor das 10:30 horas do domingo comezou a competición feminina onde tres galegas, a elite Lara Lois (Extol) e as sub23, Irene Trabazo (XSM) e Andrea García (Maceda), defenderon os intereses do combinado autonómico

Lara Lois no Open de España de Btt celebrado en Valladolid
Lara Lois no Open de España de Btt celebrado en Valladolid / Federación Española de Ciclismo

A Selección Galega de BTT desprazouse este fin de semana a Valladolid para disputar o Campionato de España de Cross Country Olímpico (XCO).

Ao redor das 10:30 horas do domingo comezou a competición feminina onde tres galegas, a elite Lara Lois (Extol) e as sub23, Irene Trabazo (XSM) e Andrea García (Maceda), defenderon os intereses do combinado autonómico.

A grovense Lara Lois ía cuarta no momento de comezar a quinta e última volta, que lideraba Rocío García a 2 minutos da segunda, Claudia Galicia. María Díaz ía terceira, seguida da ciclista do Extol que conseguiu adiantala para meterse no podio. A prata e o bronce decidiuse no sprint final onde Galicia chegou cunhas décimas de diferenza sobre a do Grove (1:39:25).

Pola súa banda, Irene Trabazo finalizou en cuarta posición na categoría sub23. A marinense chegou a meta cun tempo de 1:27:06, dous minutos despois da terceira clasificada, a navarra Estíbaliz Sagardoy.