A Liga Eusko Label ou Liga ACT (Asociación de Clubs de Traiñeiras) aterra en Bueu.
A máxima competición nacional de traiñeiras a nivel masculino chega á ría de Pontevedra coa IV Bandeira Concello de Bueu, que se celebrará o vindeiro sábado 30 de agosto.
"É a segunda incursión desta tempada en augas galegas, e agradecemos ao Concello de Bueu que acolla esta regata, que será moi emocionante dado que se disputan as últimas xornadas da Liga da ACT", explicou na presentación da regata o presidente da ACT, Borja Rodrigo.
Estaba acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal; o concelleiro de Deportes, Ricardo Verde; a tenente de alcalde, Isabel Quintáns; a concelleira de Cultura, Carmen García; e Alberto Chapela en representación do Club do Mar de Bueu.
"É unha aposta moi importante do Concello polo remo de alto nivel", afirmou Félix Juncal lembrando que "o Club do Mar Bueu competiu o pasado ano na liga á que agardamos que volva".
Non estará o club local pero si dúas tripulacións galegas, CR Cabo de Cruz e CR Ares.
A regata, que se poderá seguir desde o peirao, comezará ás 18.20 horas.
Na primeira quenda participarán CR Cabo de Cruz, Kaiku, CR Ares e Ondarroa Kide; na segunda San Juan CMO Valves, Lekitarra Elecnor, Getaria e Orsa Hondarribia; e na terceira Bermeo Urdaibai, Naiz Homes Donostiarra, Zierbena Bahias de Biskaia e Orio Orialki.
TRAS A REGATA, CONCERTO
Para completar a xornada o Concello de Bueu organizou para o mesmo sábado 30 de agosto un concerto de 'Pop-Rock-Syymphony Fusión' a partir das 21.00 horas no exterior do Centro Social do Mar.