Burela-Poio Pescamar, terceiro asalto

Poio
02 de abril 2021

O Poio Pescamar visita este sábado 3 de abril (17.00 horas, TVG2) a pista do imbatido Burela Pescados Rubén, equipo que lle venceu esta tempada nas finais da Copa da Raíña e a Supercopa

Final da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Burela
Final da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Burela / RFEF

A segunda xornada da segunda fase de liga na Primeira División de fútbol sala trae consigo un reto maiúsculo e xa coñecido para o Poio Pescamar, enfrontarse ao todopoderoso Burela Pescados Rubén, recoñecido como mellor equipo do planeta como actuais campioas de Liga, Copa e Supercopa.

Será o terceiro asalto este curso ante as luguesas dun Poio que xa rozou cos dedos o título nunha vibrante final da Copa da Raíña, caendo pola mínima e con honra, e que tamén deixou boa imaxe na final da Supercopa, onde cedeu por 2-0.

Agora as xogadoras adestradas por Manu Cossío volven ver as caras co cadro laranxa, que non coñece a derrota esta campaña e desde o liderado ten un pé no play-off polo título.

Ese é o obxectivo precisamente das conserveiras, meterse entre os catro mellores que loitarán polo campionato de liga na fase final, nunha guerra sen cuartel que ten nun puño a Roldán e Melilla con 37 puntos (terceiro e cuarto da táboa), ao Poio con 36 e ao Alcorcón con 33. 

Con todo tan igualado, puntuar este sábado 3 de abril (17.00 horas, TVG2) no pavillón de Vistalegre, en Burela, pode supoñer un gran botín para un equipo ao que nas últimas semanas non lle acompañaron os resultados por pequenos detalles.