Caldas, epicentro do Campionato de España de Raid de Orientación e Aventura

Umia
09 de maio 2025
Actualizado: 16:33

A proba nacional, organizada polo AROMON Pontevedra, celebrarase durante o sábado 10 e o domingo 11 de maio

Presentación do Campionato de España de Raid de Orientación
Presentación do Campionato de España de Raid de Orientación / Concello de Caldas de Reis

O Campionato de España de Raid de Orientación e Aventura aterra na comarca para ofrecer unha vistosa fin de semana de competición.

A proba nacional, organizada polo AROMON Pontevedra, celebrarase durante o sábado 10 e o domingo 11 de maio, partirá ás 12.00 horas da Illa de Arousa para atravesar Vilagarcía e Moraña e finalizar en Caldas de Reis.

A vila termanl será o epicentro da actividade e o punto final tras 194 quilómetros de percorrido a pé, bicicleta de montaña, kaiak e rapel, cun desnivel acumulado positivo de 4.800 metros e un tempo límite de 24 horas.

Todo dispondo unicamente dun mapa para seguir uns puntos de control polos que deben pasar.

Caldas tamén acollerá unha proba popular de orientación no centro urbano aberta a todo o que queira participar.

Haberá tres categorías: elite, composta por tres integrantes sempre en carreira; aventura, con dúas persoas en carreira máis un relevista e, por último, a categoría 'orientaraid', non competitiva, cun percorrido máis curto e equipos que poden estar formados con até cinco integrantes.

Inscribíronse máis de 40 equipos de toda a xeografía española e tamén con dous conxuntos de Portugal.

En canto á proba popular, está prevista para o domingo de 10.00 a 12.00 horas na contorna urbana de Caldas de Reis.

"Imos ver a parede vertical da fervenza iluminada como hai tempo que non viamos e con deportistas rapelando por ela, chea de xente, gozando dun evento tan importante coma este", sinalou sobre a espectacularidade da proba o tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, na presentación do evento e acompañado do director da proba, Adrián Moreira, o alcalde de Moraña, Sito Gómez, e un representante da Federación Española de Orientación.