O calendario municipal 2026 rende homenaxe ao deporte base e ás escolas formativas

Pontevedra
12 de decembro 2025
Actualizado: 17:48

Como cada ano, o Concello imprimiu 15.000 exemplares que se poden recoller na Oficina de Turismo até esgotar existencias

Calendario municipal 2026 Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presentou este venres o seu calendario municipal 2026.

Nesta ocasión, o almanaque está dedicado ao deporte de base e ás escolas formativas que sosteñen o día a día do tecido deportivo da cidade.

Baixo a lema "Pontevedra é deporte", a publicación rende homenaxe a todas as persoas e entidades que, desde os clubs, colexios ou asociacións locais, fomentan valores fundamentais como o coidado da saúde, a convivencia e o respecto.

Os protagonistas visuais son persoas que forman parte das escolas deportivas locais practicando deportes como voleibol, bádminton, baloncesto, escalada ou atletismo.

"Este é o noso modelo: primeiro persoas, despois deportistas. A cidade avanza cando quen practica faio con ilusión, quen acompaña anima sen presión e quen guía educa con criterio. Co impulso do Concello e a complicidade do tecido deportivo local, consolidamos unha práctica educativa, saudable, lúdica e de calidade. Así crece unha cidade activa, onde os grandes eventos son a vitrina, pero a verdadeira forza está no día a día de quen adestra, comparte e inspira", recolle o calenadrio.

O Concello agradeceu a colaboración da cidadanía, os clubs e entidades deportivas, o persoal de arbitraxe, o voluntariado, os centros educativos e os servizos municipais, cuxa implicación permitiu levar a cabo a iniciativa.

Como é tradición, editaron 15.000 exemplares do calendario, que poden recollerse desde este venres na Oficina de Turismo até esgotar existencias.