Cambio no banco do Salamanca a poucos días de enfrontarse ao Pontevedra

Pontevedra
08 de abril 2025

Os granates, que terán no Estadio Helmántico a súa primeira opción matemática de ascenso, mediranse a un Salamanca que terá novo técnico no banco

Rafa Dueñas, nun partido co Salamanca
Rafa Dueñas, nun partido co Salamanca / Salamanca CF UDS

Horas convulsas as que atravesa o próximo rival do Pontevedra Club de Fútbol en liga para a que será a súa primeira opción matemática de certificar o ascenso directo.

Os granates deben visitar este próximo domingo 13 de abril (17.00 horas) o Salamanca CF UDS no Estadio Helmántico, nun duelo no que un triunfo unido a un tropezo do Numancia suporía celebrar xa o ascenso de categoría.

Sería, iso si, unha celebración en diferido, xa que deberán esperar unha hora a que termine o encontro dos sorianos contra o Ávila e que comeza ás 18.00 horas.

Pero volvendo ao Salamanca, proxecto que arrincaba a tempada coa ambición de pelexar polos primeiros postos, confirmou este martes que Rafa Dueñas deixa de ser o seu adestrador.

Foi o propio técnico o que "trasladou ao club a súa vontade de dar un paso ao costado tras a recente mala dinámica de resultados, entendendo que o equipo necesita un novo impulso desde o banco. Ademais, é consciente do mal clima con parte da afección e cre que a súa saída do banco neste momento pode axudar a reverter a situación, e recuperar a sinerxía entre afección e plantel", explica o Salamanca.

Refírese o texto aos pobres resultados conseguidos sobre todo desde comezo de ano, e que os levaron a ser o un dos peores equipos da segunda volta do campionato.

Ese rendemento deixou o conxunto charro só dous puntos por encima do play-out pola permanencia e a 4 puntos do descenso directo cando aínda restan 12 en xogo.

Esta substitución, a falta de coñecer o substituto de Rafa Dueñas, fará que Yago Iglesias teña que preparar practicamente a cegas o duelo do domingo, xa que calquera referencia anterior do rival quedou desfasada.

PRIMEIRO AUTOBÚS A SALAMANCA CHEO

O que non estará é só o Pontevedra Club de Fútbol no Estadio Helmántico, e é que a posibilidade de ascenso activou o desprazamento da 'Marea Granate'.

Tanto é así que en apenas 24 horas completouse o primeiro dos autobuses fretados polo club, que vai camiño de facer o mesmo cun segundo autocar.

A eles sumaranse os afeccionados que están a preparar o seu desembarco en Salamanca de maneira particular.