Cambios para o Dúatlon Cros Concello de Poio, que repite como Campionato Galego da especialidade

Poio
25 de xaneiro 2018

A competición, que se celebrará o vindeiro domingo 4 de febreiro en Samieira, contará cun novo percorrido ciclista e pretende involucrar aos veciños cunha gran "chourizada" final 

Preentación do XII Dúatlon Cros Concello de Poio PontevedraViva

O Casal de Ferreirós acolleu este xoves a presentación do XII Dúatlon Cros Concello de Poio, proba que inaugura o calendario deportivo anual no municipio e que se celebrará o domingo 4 de febreiro.

Convertida nunha referencia a nivel autonómico, o dúatlon terá de novo a catalogación de Campionato Galego da especialidade.

Nesta ocasión introducíronse cambios cun novo percorrido no sector ciclista, no que " substituímos parte da famosa baixada da Pedra", explicou o presidente do Club Tríatlon Poio, Carlos Sánchez, mantendo a súa característica de "percorrido técnico e duro".

Ás 11:00 horas os deportistas participantes tomarán a saída desde a Casa do Pobo de Samieira para afrontar 6.000 metros de carreira a pé (este circuíto si se mantén), 21 quilómetros de ciclismo por pistas e carreiros e de novo 3.000 metros de carreira a pé para chegar a meta.

A intención dos organizadores é converter o final do evento "nunha pequena festa", e por ese motivo convidarán a deportistas, público asistente e veciños a unha "chourizada" popular cando conclúa a competición.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora