Camisetas conmemorativas para a final de Copa Federación

Pontevedra
10 de abril 2018

O Pontevedra poñerá á venda estes días unha edición limitada da camiseta da actual tempada cun recensión conmemorativa da final de Copa Federación que afrontará este mércores ante o Ontinyent en Pasarón

Presentación da camiseta conmemorativa da final da Copa Federación
Presentación da camiseta conmemorativa da final da Copa Federación / PontevedraViva

O Pontevedra Club de Fútbol presentou este martes unha serie de iniciativas relacionadas co partido de volta de Copa Federación que xogará o mércores (20:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Ontinyent.

O club quere que o coliseo granate presente unha gran imaxe e poida gozar da posibilidade de alzar un título oficial, e que iso sirva de enganche para a afección no importante tramo final da tempada.

Entre esas iniciativas destaca que o equipo actuará cunha camiseta especial conmemorativa, coa lenda "Final Copa RFEF, 11 de abril de 2018, Estadio Municipal de Pasarón" bordada no peito.

Esa elástica, presentada este martes por Edu Sousa, Kevin Presa e Lezcano, estará á venda na tenda oficial do club ata o luns día 16 e ata o fin de existencias, xa que se trata dunha edición limitada. O seu prezo será de 30 euros para os abonados da entidade e de 35 euros para o resto dos afeccionados.

Ademais, no descanso do choque ante o  Ontinyent a mascota do equipo, o popular  Roelio, repartirá adhesivos co lema "Yo soy granate".

Todo isto súmase á política de prezos populares para a ocasión, coa posibilidade de recibir unha entrada de balde para o partido de liga do domingo ante o  Guijuelo en caso de acudir a presenciar a final copeira.