Até Guinea Ecuatorial viaxou a marinense Arlet Ortiz para participar nunha nova competición internacional.
A deportista do Mat's de Marín tomou parte do World Taekwondo Women's Open Championships, torneo de categoría G4 disputado na localidade de Malabo.
Unha cita que reunía a taekwondistas de gran nivel e na que Arlet rozou as medallas.
Na categoría de -62 quilos venceu con autoridade na primeira rolda contra a camerunesa Nadege Bellan.
Con todo no seu seguinte combate, xa en cuartos de final, caería contra toda unha campioa mundial, a rusa Liliia Khuzina, nun enfrontamento tremendamente disputado.
O resultado foi de 5-1 no primeiro asalto e de 2-2 no segundo.
IVÁN GARCÍA, NO GRAN PRIX CHALLENGE
Outro deportista do Mat's prepárase para afrontar un importante reto internacional.
Trátase de Iván García, que viaxa a Tailandia para competir no prestixioso Grand Prix Challenge que se celebrará en Bangkok entre o 21 e o 24 de novembro.