Un Campionato de España Sprint de Piragüismo "cos mellores"

Pontevedra
31 de xullo 2025

O encoro de Pontillón do Castro en Verducido volve ser sede os días 1, 2 e 3 de agosto da gran cita anual do piragüismo español, con máis de 800 participantes

Presentación do Nacional Sprint de Piragüismo
Presentación do Nacional Sprint de Piragüismo / Concello de Pontevedra

O Complexo Deportivo David Cal do encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, en Verducido, prepárase para acoller de novo a gran cita do piragüismo nacional, o Campionato de España Sprint Olímpico.

Unha cita que se disputará desde este venres 1 de agosto e até o domingo 3 con máis de 800 padeeiros inscritos.

"En Verducido teremos aos mellores", destacou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, e é que a competición servirá tamén de Selectivo para conformar o equipo español que compita a final de agosto no Campionato do Mundo de Milán.

Por iso durante tres intensas xornadas os mellores padeeiros do país mediranse nas distancias de 200, 500 e 1000 metros, en embarcacións K1, C1, K2, C2, K4 e C4, tanto en categoría xuvenil como senior.

Galicia será a comunidade con maior participación, con 24 clubs inscritos e até 631 embarcacións.

"A competición comeza o venres ás 9.00 da mañá ata o domingo ás 15.00 case de maneira ininterrompida", afirma Bea.

Un cóctel que unido ao bo tempo garante o espectáculo, e por iso a edil de Deportes, Anabel Gulías, quixo "animar á veciñanza a que se achegue polo Pontillón", sinalou acompañada tamén polo delegado territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

A competición contará con rentransmisión en directo a través da canle oficial de YouTube da Real Federación Española de Piragüismo.