O Campionato Galego de Cruceiros regresa a Sanxenxo

Acuáticos
14 de xullo 2026
Actualizado: 13:55

A proba disputarase os días 18 e 19 de xullo con percorridos técnicos e costeiros e porá en xogo o título autonómico de cruceiros na que será a vixésima sétima edición desta cita

Presentación do Trofeo Hotel Carlos I Silgar Juan Caballero

A vixésima sétima edición do Trofeo Hotel Carlos I Silgar regresa ás augas das Rías Baixas da man dun clásico das regatas galegas como é o Campionato Galego de Cruceiros.

Baixo a organización do Real Club Náutico de Sanxenxo e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo, a Real Federación Galega de Vela e Nauta Sanxenxo, a competición desenvolverase ao longo de dúas xornadas que terán lugar os días 18 e 19 de xullo.

O evento contará con cinco divisiónes entre os Grupos ORC que van desde o 1 até o 4, incorporando o Open. Estas categorías son establecidas polo Comité da regata en función do 'rating' de cada veleiro, é dicir, o seu coeficiente de tamaño e capacidade vélica.

O trazado das regatas dependerá das condicións do mar e a intensidade do vento que haxa no propio día, polo que o Comité do Trofeo Hotel Carlos I Silgar será quen decida, en última instancia, o percorrido de cada xornada.

Para iso programaron 16 trazados alternativos que contemplan as tradicionais derrotas ao redor das Illas de Ons e Onza, os clasicos barlovento-sotavento nun campo montado ao vento sobre aboias, ou a navegación polo interior da ría de Pontevedra.

Coa intención de equlibrar o máximo as diferentes condicións de cada embarcación, desde o Comité tratarán de celebrar un combinado de mangas técnicas e costeiras.

Presentación do Trofeo Hotel Carlos I SilgarJuan Caballero

Este luns presentouse a competición nos salóns do Hotel Carlos I Silgar co director das instalacións, Leonardo López, como anfitrón. Acompañáronlle o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o concelleiro de Deportes, Marcos Guissasola; a directora territorial da Conselleria de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Branca García Señoráns; e o director técnico da entidade social e deportiva, Carlos Agra.

Tamén acudiu ao acto o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, que mostrou o seu agradecemento cara á figura do presidente do Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos, ao afirmar que "A Federación Galega é Real grazas á intervención de Pedro Campos e da súa gran unión con S.M. O Rei Juan Carlos, facendo que a vela estea máis viva que nunca na nosa comunidade".

Na mesma liña interveu Telmo Martín para apuntar que "a primeira acción máis importante que fixo Pedro Campos no seu inicio como presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo foi traernos a Don Juan Carlos. Aí naceu a transformaión do porto deportivo de Sanxenxo, converténdose nun motor moi importante para o noso municipio".

Todo está preparado, por tanto, para que as augas das Rías Baixas volvan converterse os días 18 e 19 de xullo no escenario dunha das grandes citas da vela galega, co Campionato Galego de Cruceiros de novo como principal atractivo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora