Un Campionato Galego de Salvamento en Pontevedra despois de "case 20 anos"

Pontevedra
11 de febreiro 2025
Actualizado: 13:39

O complexo deportivo Rías do Sur será escenario os días 15 e 16 de febreiro do Campionato Galego de Piscina Categorías Base de Salvamento e Socorrismo

Presentación do Campionato Galego de Piscina Categorías Base de Salvamento e Socorrismo
Presentación do Campionato Galego de Piscina Categorías Base de Salvamento e Socorrismo / Mónica Patxot

Ao redor de 400 deportistas daranse cita a fin de semana en Pontevedra no Campionato Galego de Piscina Categorías Base de Salvamento e Socorrismo.

Unha cita competitiva que se organizará na Boa Vila poñendo fin a "case 20 anos que non tiñamos un campionato galego de salvamento", recoñeceu na presentación do evento a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.

Terá lugar o sábado 15 e o domingo 16 de febreiro nas instalacións do complexo deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.

"Estamos moi contentos", afirmou a edil lembrando que "en Pontevedra existe un clube con moita historia e tradición, o SAPO, que leva tempo traballando por visibilizar este deporte".

Esta competición autonómica "é un campionato de nenos, de base, dende alevín a xuvenil", sinalou pola súa banda Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo, acompañada da presidenta do club local, o SAPO.

A actividade en Rías do Sur dividirase en dúas xornadas dobres.

En concreto as xornadas transcorrerán de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, reservándose a competición cadete e xuvenil para o sábado e para o domingo o alevín e infantil.

Un total de 13 clubes participan no evento: Club Salvamento Socorrismo Carballo – SYSCA, Club Acuático Umia, Club Salvamento Acuático Pontevedra SAPO, P.C. Salvamento Sanxenxo, Club Salvamento Acuático Laracha SAL, Club Natación Cerceda ,Club Salvamento Sada SASA, Club Salvamento Arteixo SALVAR, Club Natación y Salvamento A Estrada, Club Salvamento Vilagarcía Club Natación Santa Comba LB, Club Salvamento Ourense SALVOUR e Club Salvamento A Coruña CORSAL