Grandes resultados para o Club Acuático Umia na terceira edición da Kids Spanish Cup, o Campionato de España de Inverno nas categorías base infantil e cadete.
A entidade deportiva caldense desprazouse até a comarca de Bergantiños para participar na competición, regresando a casa nada menos que con tres medallas de bronce.
Dúas delas conseguiunas Vera Rey, ao ser terceira nas probas de 100 remolque con aletas e 50 rescate maniquí.
Ademais quedou ás portas da medalla no 100 socorrista infantil, ao ser cuarta.
O outro bronce conseguiuno a súa compañeira Martina Porto, na proba 100 socorrista infantil feminina. Tamén foi quinta no 100 aletas infantil e oitava no 50 remolque.
Ademais os deportistas do Umia conseguiron meterse noutras finais.
Iria Aboy foi sétima 100 aletas infantil e décima no 100 SOS. Mauro Garrido conseguía a undécima posición no 50 remolque infantil masculino e no 100 aletas. Anxo Varela era 12º no 50 remolque infantil e Hugo Parada alcanzaba a 12ª posición no 200 supersos cadete e na final B do 50 remolque.
Uns resultados que enchen de optimismo ao Umia de face ao seu próximo gran obxectivo, o Campionato Galego que terá lugar en Pontevedra.