O Poio Pescamar segue dando pasos na configuración do seu próximo proxecto deportivo.
Fíxoo confirmando este luns unha nova renovación no seu plantel, a de Candela Soria.
A pivote ourensá afrontará desta forma a súa segunda campaña consecutiva na Seca.
No seu primeiro curso participou entre todas as competicións en 35 encontros con 11 titularidades e achegando 11 goles e 7 asistencias.
Candela é a sexta peza asegurada no conxunto conserveiro, xunto ás tamén renovadas Elena González, Ale de Paz, Martita, Èlia e Chuli.
A continuidade da pivote prodúcese uns días despois da súa convocatoria coa Selección Española para participar no Campionato do Mundo para persoas xordas.
Esta cita internacional terá lugar do 14 ao 27 de xuño na localidade italiana de Montesilvano.
Alí España, encadrada no Grupo B, medirase inicialmente ás seleccións de Brasil, Turquía e Irlanda.