Capi poderá xogar en As Pontes e alivia os problemas de Luisito na zaga

Pontevedra
09 de decembro 2014

O defensa central granate, despois do recoñecemento ao que foi sometido polos servizos médicos do club, sofre unha pequena fractura, pero da cartilaxe, non dos ósos do nariz, o que non o imposibilita para xogar, sempre que o técnico o considere oportuno

Capi nun momento do partido fronte ao Cultural Areas na Lomba Diego Torrado

Boas noticias para Luisito. O técnico granate, que tiña serios problemas como consecuencia dos contratempos acaecidos o domingo fronte ao Rápido de Bouzas, para formar a súa liña defensiva no seguinte compromiso nas Pontes, ve aliviada a situación ao coñecerse que Capi, que abandonou o campo cunha aparatosa hemorraxia nasal tras sufrir un encontrón cun contrario, estará en condicións de xogar.

O defensa central granate, despois do recoñecemento ao que foi sometido polos servizos médicos do club, sofre unha pequena fractura, pero da cartilaxe, non dos ósos do nariz, o que non o imposibilita para xogar, sempre que o técnico o considere oportuno.

A importancia de poder contar co veterano xogador é dobre se se ten en conta que David Feito será baixa por acumulación de amoestacións, o que obrigará a cambiar a Adrián ao lado esquerdo da zaga, pasando a Campillo ao lateral, ou ben a utilizar nesa posición a Anxo.

Pero as secuelas do partido contra o Rápido de Bouzas non quedan só aí, xa que Kevin Presa, que tamén houbo de ser substituído antes do final, sofre unha sobrecarga nos isquiotibiales, o que o converte en dúbida para o próximo compromiso ligueiro.

EN ÁS PONTES O SÁBADO

Por certo que o partido da próxima xornada fronte As Pontes se adianta ao sábado, tras a petición realizada polo club coruñes e aceptada polo Pontevedra. A hora de inicio do choque no Poboado será as 18:00 horas.