Capi sofre un retroceso na súa recuperación mentres Campillo mellora e podería estar listo para o domingo

Pontevedra
18 de febreiro 2015

Capi protagonizou a nota negativa do adestramento de este mércores ao ter que abandonar o traballo cos seus compañeiros, por volver notar molestias no xemelgo, na mesma zona na que sufriu a rotura fibrilar. O Pontevedra xoga a primeira eliminatoria da Copa Deputación, fronte ao Atlético de Cuntis, na Ran ás 21:15 horas deste xoves

Capi e Campillo facendo traballo de recuperación en Pasarón
Capi e Campillo facendo traballo de recuperación en Pasarón / Mónica Patxot

Seguen os problemas para Luisito, que non gaña para sustos nos problemas físicos que afectan a homes das posicións defensivas do seu equipo. Se a baixa de Pedro García, cunha rotura fibrilar, lle deixa con só Kevin Presa como pivote defensivo nato, os problemas que arrastra Capi, deixan á zona central da zaga cos xustos, máis cando Campillo houbo de abandonar o campo de Baltar de Arriba, o pasado domingo, ao sentir molestias nos abdutores.

Por se fose pouco, o mesmo Campillo chega a esta fase da competición con catro tarxetas amarelas, o mesmo que Adrián, o que pon ambos os dous a só unha da suspensión.

Todo iso fai que a liña defensiva sexa a principal preocupación do técnico de Teo, toda vez que Miguel Centrón parece recuperado e de novo está en condicións de xogar, mentres Fran Fandiño tan só necesita minutos para ir collendo ritmo.

E precisamente os dous centrais que, xunto con Pablo, viñan sendo dos máis utilizados polo adestrador, convertéronse en noticia no adestramento que o equipo granate realizou na tarde deste mércores, en Pasarón.

O primeiro, Campillo, de forma positiva, tras confirmarse que non hai rotura senón tan só un hematoma provocado pola cicatrización da lesión que padeceu recentemente, o que permite mesmo albergar esperanzas de que poida estar en condicións de xogar o domingo, ante o Rácing Villalbés.

O segundo, Capi, pola contra, protagonizou a nota negativa da tarde ao ter que abandonar o traballo cos seus compañeiros, tras volver notar molestias no xemelgo, na mesma zona na que sufriu a rotura fibrilar que lle levou ao dique seco as catro últimas xornadas. Aínda que haberá que esperar a súa evolución nos próximos días, as previsións sobre o seu estado son pesimistas e todo apunta a que, cando se achegaba a súa reaparición, deberá seguir na enfermaría durante un tempo.

O Pontevedra xoga a primeira eliminatoria da Copa Deputación, fronte ao Atlético de Cuntis, na Ran ás 21:15 horas deste xoves

COPA DEPUTACIÿN

A do xoves será para o Pontevedra a xornada do seu debut na presente edición da Copa Deputación. Os granates desprázanse a Cuntis para enfrontarse ao Atlético Cuntis, equipo que milita en segunda categoría rexional, nun partido que terá como escenario o campo da Ran, e que dará comezo ás 21:15 horas.

Luisito desprazará ata a vila termal á totalidade do equipo, aproveitando para realizar previamente, ás 18:30 horas, no mesmo escenario, un adestramento cos xogadores que non actúen logo no partido.

O protagonismo nesta primeira eliminatoria, que se disputa a partido único, será para os homes que contan con menos minutos en liga, como Lloves, Benja, ou Tomás, ou en fase de recuperación, casos de Miguel Centrón e Fran Fandiño. A eles sumaranse homes do filial e xuvenil, casos de Agus, Iago Martínez, Ramón e algún outro, tendo en conta que a normativa da competición obriga a que deban estar no campo en todo momento polo menos sete xogadores do primeiro equipo.