Carla Goyanes, obxectivo Top-10 no Mundial de natación en augas abertas

Pontevedra
04 de setembro 2018

A nadadora pontevedresa do Galaico afrontará a próxima fin de semana o Campionato do Mundo da especialidade en categoría júnior que se celebrará en Israel. "A miña aspiración sería poder situarme no Top-10", asegura

Carla Goyanes
Carla Goyanes / Mónica Patxot

Foron unhas últimas semanas de intensa preparación, pero a recompensa está ao virar a esquina para Carla Goyanes.

A nadadora do Galaico competirá entre o 6 e o 8 de setembro no Campionato do Mundo Júnior de Augas Abertas que se celebrará en Eilat, Israel, tras a súa brillante medalla de prata no Europeo da especialidade.

Desde o día 15 de agosto Goyanes participa nunha concentración do equipo nacional no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada, e desde alí viaxará directamente a Israel.

"A miña aspiración sería poder situarme no Top-10 do campionato. A ver se podemos", sinalou a deportista pontevedresa en declaracións difundidas polo seu club.

"O máis importante é que vou con moitas ganas, e, ademais, fortalecida polo feito de ter ido superando, aos poucos, todas as metas que nos fomos marcando ao longo deste ano", explicou a moza sabedora que o Mundial supón "unha gran oportunidade que non se presenta moitas veces, polo que vou con moitísima ilusión".

Carla Goyanes competirá en Israel na proba dos 7,5 quilómetros, nos que conseguiu a medalla de prata recentemente a nivel nacional e tamén europeo. A súa proba nadásese xa o primeiro día de competición, este xoves día 6 de setembro.