Carlos Álvarez acelera cara ao seu segundo 'pichichi' da Liga Asobal

Pontevedra
13 de febreiro 2025

O extremo pontevedrés, que vén de participar con España na súa primeira gran competición internacional, encabeza a táboa de goleadores de Asobal cunha media superior ao seis goles por encontro

Carlos Álvarez nun partido de España durante o Mundial de balonmán
Carlos Álvarez nun partido de España durante o Mundial de balonmán / RFEBM

É só a súa terceira tempada na máxima categoría pero Carlos Álvarez segue dando pasos para asentarse na elite nacional e internacional do balonmán.

O extremo pontevedrés, que o curso pasado xa foi elegico mellor xogador (MVP) de campionato con Ademar de León e máximo goleador de Asobal, acelera outra vez como o mellor artilleiro da liga.

Será o seu segundo e último ano en León, xa que a próxima tempada fará as maletas rumbo ao Sporting de Portugal posibilitando o seu debut na Liga de Campións, pero a pesar da decisión de cambiar de aires segue a devolver a confianza depositada nel ofrecendo un gran rendemento na pista.

Tras o parón do mes de xaneiro, pola disputa dun Campionato do Mundo que supuxo a súa estrea nun gran torneo internacional con España, Carlos volveu a competir na Liga Asobal como mellor sabe facer, goleando.

No seu último partido anotou seis goles, cos que se consolida no alto da clasificación provisional de goleadores, o coñecido en termos futbolísticos como 'pichichi'.

O pontevedrés leva xa 102 goles, cun promesio de 6,38 tantos por partido.

Son cinco tantos máis que Nacho Valles (Benidorm), que acumula 97, e 12 máis que Álvaro Martínez (Atlético Valladolid) que conta con 90 goles.

En total no seu tres tempadas en Asobal, Carlos Álvarez logrou xa 437 goles. Deles 137 conseguiunos co Cisne no seu debut na máxima categoría con só 19 anos de idade.