Carmen Gómez, rumbo a Nanjing coa ilusión de brillar nos Xogos Olímpicos da Xuventude

Pontevedra
12 de agosto 2014

A triatleta pontevedresa parte cara á localidade chinesa dentro do equipo español. A competición de triatlón disputarase entre os días 17 e 21 de agosto

Carmen Gómez e Alberto González, representantes españoles en Nanjing
Carmen Gómez e Alberto González, representantes españoles en Nanjing

Competirá sen presión, gozando dunha competición diferente e a intención de continuar coa súa espectacular progresión, pero Carmen Gómez non renuncia á ilusión de realizar un bo papel nos Xogos Olímpicos da Xuventude.

Con esa intención a pontevedresa partiu rumbo a Nanjing (China) co resto do equipo español, composto por 66 deportistas de 16 modalidades deportivas.

Carmen Gómez competirá en tríatlon, unha modalidade que se disputará entre o 17 e 21 de agosto no Xuanwu Lake Park, despois de lograr a súa clasificación na localidade holandesa de Weert grazas a un brillante segundo posto no clasificatorio europeo.

A lerezana loitará polos lugares de privilexio nunha carreira que contará con outras 31 deportistas de diferentes nacionalidades cunhas distancias de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pé.