Carmen Gómez, subcampiona de España júnior de dúatlon en Soria

Pontevedra
14 de abril 2015

Pola súa banda a pontevedresa Marga Villaverde, do GV Sport, proclamouse vencedora no seu grupo de idade en distancia curta

Carmen Gómez (esquerda) tras entrar na meta no nacional de dúatlon de Soria Federación Galega de Tríatlon

Segundo posto para Carmen Gómez Cortés no Campionato de España de Dúatlon celebrado a pasada fin de semana en Soria.

A deportista pontevedresa logrou a medalla de prata na proba júnior, disputada na modalidade de sprint (5 quilómetros de carreira, 20 en bicicleta e 2,5 de novo a pé).

Gómez Cortés protagonizou unha dura loita con Cecilia Santamaría nos dous primeiros sectores, pero rematou cedendo con claridade no último tramo chegando, cun tempo de 1:10:28, a pouco máis dun minuto da vencedora.

Terceira, un minuto por detrás da pontevedresa chegou Inés Santiago, compañeira no Tríatlon Ferrol que se levou tamén a prata por equipos.

MARGA VILLAVERDE, OURO NOS GRUPOS DE IDADE

Pola súa banda Marga Villaverde, deportista do GV Sport, impúxose no seu grupo de idade en distancia curta (10, 40 e 5 quilómetros).

Este gran resultado clasifica a pontevedresa para o Campionato de Europa da especialidade que se disputará en Alcobendas o 25 de abril, cita á que tamén se clasificaron os seus compañeiros de club Lalo Ramos e Javier Vidal.