Case 3.500 votos populares e 175 cartas de apoio avalan a candidatura de Teresa Portela ao Premio Princesa de Asturias

Pontevedra
29 de marzo 2022

A Xunta de Galicia vén de entregar á Fundación Princesa de Asturias a candidatura de Teresa Portela para o Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2022, cuxa cerimonia terá lugar na segunda quincena do mes de outubro

Teresa Portela, tras gañar o ouro nos Xogos do Mediterráneo Comité Olímpico Español

A Xunta de Galicia entregou á Fundación Princesa de Asturias a candidatura de Teresa Portela para o Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2022, cuxa cerimonia terá lugar na segunda quincena do mes de outubro.

O goberno autonómico comandou nas últimas semanas unha candidatura que nace tras a medalla de prata da padexeira en Tokyo pero baseándose no seu "brillante currículo deportivo con 15 medallas mundiais e 17 europeas", xustifica a Xunta, ao que se suma o feito de converterse na española con maior número de participacións olímpicas, con seis.

Actualmente e aos seus 39 anos, Portela traballa a diario no Complexo Deportivo David Cal do encoro pontevedrés de Pontillón  do Castro co obxectivo de sumar en París a súa sétima experiencia nuns Xogos e seguir agrandando a súa lenda.

Todo un exemplo no deportivo e no académico, ao compaxinar a súa preparación coa diplomatura de Maxisterio de Educación Física e co Grao de Fisioterapia.

Ademais "a maneira en que compatibiliza a maternidade co deporte de alto nivel serve a moitos e moitas como motivación para loitar polo que se quere alcanzar e manda unha mensaxe á sociedade na que o deporte é un compañeiro  indisociable en calquera etapa da vida", defende a candidatura de Teresa Portela.

A proposta enviada á Fundación Princesa de Asturias está avalada por preto de 3.500 votos populares e 175 cartas de apoio, entre as que figuran respaldos importantes como os da Federación Internacional de Piragüismo ou o Consello Superior de Deportes, xunto ás universidades galegas, oito federacións deportivas nacionais, 56 federacións deportivas autonómicas, 48 concellos galegos, 28 entidades deportivas e 11 medios de comunicación.