Castellón acollerá a segunda xornada de División de Honra de atletismo para a Gimnástica

Pontevedra
14 de maio 2015

Playas de Castellón, Unicaja e Sabadell serán os rivais do club pontevedrés o próximo 23 de maio nunha xornada que decidirá os equipos que loitarán polo título ou pola permanencia na última cita

Equipo da Gimnástica na primera xornada da División de Honra en Vigo Sociedad Gimnástica

A Real Federación Española de Atletismo deu a coñecer as sedes e composición dos grupos da segunda xornada da División de Honra, na que volverá competir a Gimnástica.

O club pontevedrés, tras o seu terceiro posto na xornada inicial que disputou en Vigo, desprazarase nesta ocasión a Castellón o próximo 23 de maio.

A Gimnástica enfrontarase alí ao anfitrión e actual campión, o Playas de Castellón, ao Unicaja de Xaén e ao Sabadell, nunha xornada que definirá os equipos que loitarán polo título ou a permanencia nas finais do 13 de xuño.

Dende a veterana sociedade espérase con optimismo esta xornada de competición no seu noveno ano na máxima categoría tras sumar en Vigo unha puntuación de 31.637 puntos segundo a táboa da Federación Internacional, a máis alta dende que o seu equipo masculino milita en División de Honra.

Entre as marcas a salientar conseguíronse seis mínimas para o Campionato de España, aínda que o rexistro de Alberto Salcedo nos 200 metros foi invalidado por vento excesivo.