Pontevedra está a punto de recibir os mellores loitadores novos do mundo no Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas, que se celebrará do 2 ao 8 de setembro.
A unha quincena do inicio do evento, a cidade prepárase para acoller a 1.500 atletas de 84 países nun acontecemento que poñerá en xogo as tres modalidades olímpicas: loita feminina, loita libre olímpica e loita grecorromana, cada unha con 10 categorías de peso.
O Pavillón Municipal de Pontevedra será o epicentro desta competición de alto nivel, na que 22 deportistas españois, catro deles de Galicia, loitarán por deixar a súa pegada no medalleiro.
Gonzalo Caparrós en Loita Grecorromana; Alessandro Iemma e Moises Bello en Libre Olímpica; e Candela Castro en Loita Feminina serán os deportistas da comunidade no Mundial.
Este evento reforza a posición de Galicia e Pontevedra como referentes internacionais na organización de eventos da Federación Internacional de Loita (UWW), tras acoller competicións de prestixio nos últimos anos, como os Campionatos de Europa e do Mundo en diversas categorías.
O campionato promete un importante retorno económico para Pontevedra, beneficiando a sectores como a hostalería, o transporte, e os servizos médicos e de comunicación, indican desde a Federación Galega de Loita.
O evento tamén contribuirá a desestacionalizar o turismo deportivo.