Catro equipos para unha praza de play-off na Liga Feminina 2

Pontevedra
23 de febreiro 2017

O Arxil, que coa súa derrota da última xornada caeu á sétima praza, está a só unha vitoria do cuarto posto cando restan sete partidos de liga. Por ese motivo as verdes non poden fallar na visita ao CGTD do Cortegada de Vilagarcía, no que será o último derbi da tempada regular

Mayte Méndez no partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Mayte Méndez no partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

A falta de sete xornadas para a conclusión da tempada regular na Liga Feminina 2 de baloncesto, a loita por conseguir entrar no play-off de ascenso está a lume vivo.

Co Aros León xa clasificado e Sant Adriá e Cortegada lixeiramente descatados sobre os seus perseguidores, ata catro equipos pelexan pola última praza en xogo para a fase de ascenso, entre eles o Club Baloncesto Arxil.

A derrota do pasado sábado en Vigo fixo caer ás pontevedresas á sétima posición, a só un triunfo de Joventut Les Corts e Lima Horta Barcelona, cuarto e quinto, e empatado con Ibaizabal, sexto.

Por ese motivo, e para non desengancharse da loita, o Arxil trata a visita do Cortegada (sábado 19:30 horas no CGTD) como unha auténtica final, no que supoñerá o último derbi da liga regular.

A directiva verde espera un grande ambiente no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, con presenza de afeccionados visitantes, coincidindo coa celebración do entroido.