O Pavillón San Narciso de Marín acollerá esta fin de semana a fase previa do Campionato de España Cadete Feminino.
Durante tres xornadas, os campións de Galicia, Madrid, Navarra e as Illas Baleares representarán as súas comunidades en Marín, despois de que os clubs implicados alcanzasen un acordo para cambiar a sede, prevista no seu momento en Eivissa.
Esta modificación permite simplificar a loxística do torneo e reducir os gastos asociados aos desprazamentos dos equipos participantes.
A competición desenvolverase integramente no Pavillón San Narciso, unha instalación vinculada á historia do fútbol sala local e que, un ano máis, volverá acoller un evento de gran relevancia deportiva.
Desde a organización prevén unha notable asistencia de afeccionados ao longo do fin de semana, o que suporá un importante movemento para a actividade económica e social da vila.
A presentación oficial do campionato celebrouse esta semana, coa presenza dos concelleiros de Deportes, do delegado da Real Federación Galega de Fútbol e representantes do Club Deportivo La Peña, equipo que representará a Galicia.
A xornada arrincará o venres ás 19:30 horas coa disputa do partido entre o CD San Pablo Eivissa (Baleares) e os CFS Femenino San Fernando (Madrid). Posteriormente, ás 21:30 horas, competirá o CD La Cantera (Navarra) fronte ao club anfitrión, o CD La Peña (Galicia).
O sábado, os enfrontamentos celebraranse en horario matinal, comezando ás 11:00 co Baleares-Navarra e finalizando co Madrid-Galicia a partir das 13:00 horas.
O campionato concluirá o domingo cun Baleares-Galicia ás 10:00 e un Madrid-Navarra a partir das 12:00 horas.
A entrada para todos os encontros será gratuíta ata completar o aforamento dispoñible.
Esta categoría sub-16 feminina está dividida en catro grupos, con sedes en Zaragoza, Andalucía, Castela-A Mancha e Galicia. O sistema de clasificación é directo, pasando á fase final os primeiros clasificados de cada grupo.
O Grupo A fórmano AD La Cigüeña, CD Parque Santa Ana, Les Corts UBAE e LBTL Futsal Alcantarilla; o B, o CD La Peña, CD San Pablo Eivissa, CFS Femenino San Fernando e CD Cantera; o C, o CD Playas de Málaga FSF, EMD Sanvicenteña e ATM. Melilla e por último, o D, o Almagro FS, AUPA Muslera e CD Ovifem.