Celia Cerviño, ante unha tempada clave para o seu futuro no circuíto tenístico profesional

Pontevedra
25 de decembro 2019

A tenista pontevedresa afronta en 2020 o seu primeiro ano con dedicación completa ao circuíto, no que ten previsto competir no circuíto ITF coa meta de seguir progresando no ranking WTA

Celia Cerviño durante un adestramento Borja Refojos

Aos seus 21 anos, despois de catro cursos completando os seus estudos universitarios en Estados Unidos, chega o momento de Celia Cerviño no circuíto profesional de tenis.

A deportista pontevedresa ten previsto intensificar tras o Nadal a súa preparación para a tempada 2020, a primeira na que se dedicará completamente á tarefa de progresar e afianzarse no ranking WTA e na que espera dar un impulso definitivo á súa carreira.

En só 6 meses desde a súa volta a España, Cerviño escalou máis de 350 postos no ranking internacional para terminar o ano no posto 881. En dobres, conclúe como a 693 da lista. Un ritmo de mellora que aspira a manter e  incremetar no novo ano, no que o seu calendario centrarase no circuíto ITF.

Neste tempo Celia conseguiu levantar o seu primeiro título ITF individual en Lousada, Portugal, o que a colocou xunto a Lourdes Domínguez e Paula Hermida na exclusiva lista de tenistas galegas que gañaron un título destas características.

As pistas do Club de Tenis da Caeira serán o escenario da primeira e esixente fase de preparación do ano, baixo a batuta de Tozé Pinto e Chipi Agrelo e do seu preparador David Rodríguez.

Serán semanas de esforzo para chegar na mellor forma posible ao primeiro torneo da tempada, que se nada se torce terá lugar desde o 20 de xaneiro en Mallorca.