Celia Cerviño pecha o seu mellor ano con triunfo no Open de Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2019

A deportista pontevedresa derrotou en dous sets á coruñesa Eva Álvarez só uns días despois de ser recoñecida como a mellor tenista galega do ano

Celia Cerviño recolle o trofeo como gañadora do Open de Pontevedra Club de Tenis Pontevedra

A tenista pontevedresa, Celia Cerviño, pechou este domingo un ano extraordinario co triunfo no Open de Pontevedra. A xogadora da escuadra lerezana, que no 2019 conseguiu os seus primeiros títulos internacionais, derrotou con autoridade (6-1 e 6-1) á coruñesa Eva Álvarez, despois de eliminar nas roldas anteriores a Alejandra Väzquez e a Ainara Veguel.

Con este triunfo, Cerviño pon o broche de ouro a unha tempada na que acaba de ser recoñecida como mellor tenista galega do 2019. Ademais, converteuse na terceira galega da historia, despois de Lourdes Domínguez e Paula Hermida, en gañar un título ITF individual e tres de dobres. Tamén logrou a vitoria no prestixioso Challenge de Puertollano para terminar o ano no posto 881 da WTA, un ascenso de 350 posicións en media tempada.

A tenista pontevedresa ten previsto retomar a pretemporada nas instalacións do Club de Tenis Pontevedra cunhas esixentes sesións físicas que darán paso de forma progresiva a adestramentos máis tenísticos para encarar a nova tempada que empezará o 20 de xaneiro en Mallorca.