Charles e Rufo afinan a súa puntería

Pontevedra
20 de outubro 2021

A dupla atacante do Pontevedra acumula 11 tantos en sete xornadas de liga, uns rexistros que en toda a Segunda RFEF só aguanta o Córdoba, líder do Grupo IV

Rufo, con Charles de fondo, no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra o Arenteiro
Rufo, con Charles de fondo, no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra o Arenteiro / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol parece ter encarrilado o seu rumbo despois de dous triunfos contundentes ante Marino e Llanera, vitorias nas que foi clave manter a portería a cero pero sen esquecer un aspecto que esta campaña si está a funcionar á perfección, a produción ofensiva.

Os granates viron porta en cada unha das sete xornadas de liga, e salvo en dous partidos (1-1 contra o Compostela e 1-2 fronte ao Leganés B), anotaron máis dun tanto.

A puntería de Charles e Rufo está afinada neste inicio de competición, como demostra o feito de que o brasileiro sexa o segundo máximo goleador do grupo con 6 tantos e que o madrileño, que perdeu por sanción a primeira xornada, sígalle á zaga con 5 dianas. 

Con 11 goles entre os dous, dos 14 do equipo, a dianteira pontevedresa non só asusta polos seus nomes, senón que tamén o fai con feitos, sen que ninguén no grupo poida seguir ese ritmo.

Como comparación no actual líder, o Unión Adarve, os seus dianteiros suman 8 dos seus 14 goles repartidos entre Montejo (4),  Albur (2) e Porteiro (2), mentres que o pichichi do grupo Álvaro Sánchez, do Móstoles, anotou 7 goles pero sen acompañamento por parte dos seus compañeiros, xa que só outros dous futbolistas do equipo madrileño viron porta e nunha ocasión.

A cifra de acerto de Rufo e Charles é tal que só un equipo en toda a Segunda RFEF aguanta a comparación. Trátase do líder do Grupo IV, un club potente como o Córdoba que suma 19 tantos, dos que 14 corresponde ao seu tridente ofensivo composto por Willy (6 goles), De las Cuevas (5) e Antonio Casas (3).

Un acerto que supón toda unha garantía para o Pontevedra no seu obxectivo de seguir escalando postos na táboa e pelexar polo gran obxectivo da tempada, o ascenso de categoría.