Charles e un gol que pasa directo á historia do Pontevedra Club de Fútbol

Pontevedra
28 de novembro 2022

Co seu tanto en Ceuta o dianteiro brasileiro supera a Pablo Couto como máximo goleador granate en partidos de Liga e Copa. No horizonte para Charles só queda superar a cifra de partidos do propio Couto para converterse no referente na clasificación histórica do club

Charles, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Talavera en Pasarón
Charles, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Talavera en Pasarón / Mónica Patxot

Levaba apenas 90 segundos sobre o terreo de xogo cando, na súa primeira aparición, aproveitaba un gran servizo de Brais Abelenda ao segundo pau para mandar o balón á gaiola e empatar momentaneamente o partido para o Pontevedra. Un gol importante para a vitoria que despois chegaría pero moito máis para Charles, e é que con el pasa directamente aos libros de historia do club.

O ariete brasileiro había tempo que era o máximo goleador histórico da entidade, contando cos goles conseguidos en Copa Federación, pero con este tanto conseguiu superar a Pablo Couto como máximo goleador granate en encontros oficiais das dúas principais competicións, a Liga e a Copa do Rey.

Era o gol 84 de Charles coa camiseta granate entre as súas dúas etapas, polos 83 que conseguiu Couto ao longo de 10 tempadas. Unha efeméride celebrada polo propio Pontevedra.

Máis aló deste fito, o dianteiro granate gañou con suor inscribir o seu nome con letras de ouro e brillantes nas estatísticas da entidade da Boa Vila, á que chegou con 20 anos na campaña 2004/2005 en Segunda División para permanecer seis tempadas, facer as maletas para gozar da elite do fútbol español en Primeira e Segunda División antes de volver ao que foi o seu primeiro equipo en España no ocaso da súa carreira futbolística. Desde a súa volta son xa tres os cursos defendendo a 'granate', nos que anotou 27 goles destacando o seu 'pichichi' a tempada pasada en Segunda RFEF (19 tantos).

Por diante xa só queda converterse no futbolista do Pontevedra con máis partidos ás súas costas, privilexio que aínda mantén Pablo Couto con 304 encontros. Nesta lista Charles é xa o sexto con máis aparicións en Liga e Copa con 261, tendo na súa mira xa a todo un mito granate como Eduardo Dapena Lis 'Cholo', capitán do Hai que Roelo (267 partidos). Completan os postos de honra Mauro García Juncal  (280 encontros), Pablo Vázquez (288) e Calleja (302). Palabras maiores.