Charles, entre algodóns antes da 'final' en Villaviciosa

Pontevedra
14 de maio 2021

O futbolista brasileiro do Pontevedra retirouse o pasado mércores por molestias na zona do xeonllo e desde entón non se exercitou co grupo. Está previsto realizarlle unha proba o sábado para decidir se viaxa a Asturias 

Charles, nun adestramento do Pontevedra CF en Pasarón Mónica Patxot

Dúas finais réstanlle ao Pontevedra Club de Fútbol para salvar os mobles e evitar o desastre que supoñería caer á Terceira RFEF.

A primeira das paradas será Villaviciosa, onde espera un Lealtad xa descendido e que supón unha oportunidade de certificar xa a permanencia se se logra gañar e os resultados acompañan. De non ser así os granates dependerán de si mesmos na última xornada ante o Real Oviedo Vetusta.

Para ese primeiro encontro en Asturias, este domingo 12.00 horas, está en seria dúbida a participación de Charles.

O ariete brasileiro retirouse do adestramento do mércores por molestias na zona do xeonllo, que notou durante os primeiros exercicios, e non volveu a traballar co grupo desde entón.

"O sábado farémoslle unha proba para ver se pode viaxar", confirma Luisito, que tampouco poderá contar con Adrián Cruz por lesión.

En canto á posible baixa do dianteiro, "non é o mesmo xogar con Charles que con outro futbolista", recoñece, aínda que asegura que o equipo está preparado para sobrepoñerse a esa ausencia.

Debido a iso, e dado que o filial non competirá esta fin de semana, "viaxarán Pacheco e Iñaki", avanza o técnico, que tamén recupera para a cita a Churre tras cumprir un encontro de sanción. Non así a Pitu, a que lle resta aínda un partido máis de castigo pola súa expulsión fronte ao Covadonga.