Sen límite. Sen medo. Sen escusas. Ese é o lema da proba X-One Race 2023 que se celebrará este domingo 10 de setembro en Figueirido (Vilaboa).
A carreira terá un percorrido de máis de sete quilómetros, infestados de máis de 30 obstáculos. Será un circuíto deseñado para probar a resistencia, habilidade e valentía de cada corredor.
O responsable desta proba, David Suárez, explicou que este tipo de eventos "non só promove a saúde e o deporte, senón que tamén ten un impacto significativo na economía local, impulsando o turismo e poñendo en valor as nosas belezas naturais e culturais".
Así, confía en que a X-One Race 2023 atraia a afeccionados e participantes de todo o mundo.
Na presentación da carreira participaron ademais Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; César Poza, alcalde de Vilaboa; ou representantes da comunidade de montes de Figueirido e da Brilat, entre outros.
Hai xa uns 600 rexistrados para participar neste desafío, que comezará ás 10:30 horas coa saída da carreira en categoría elite. Haberá ademais grupos de idade, unha carreira popular, probas para deportistas infantís e dorsais solidarios.
Os detalles específicos sobre horarios de saída, inscricións e percorridos están dispoñibles en www.championchipnorte.com.