Primeiro foi a renovación dun home da casa como Martín Diz, e apenas un día despois chega a primeira fichaxe no Arosa.
Faino mirando cara aos cimentos, cara á portaría, ao incorporar o gardameta José Manuel Leobalde 'Chema'.
O santiagués, de 27 anos, aterra na Lomba procedente do Noia CF, co que disputou este curso o play-off de ascenso a Segunda RFEF.
Con pasado na canteira do RC Deportivo, Chema pasou na súa etapa sénior por equipos como o Laracha, o Racing de Ferrol, o Palencia e o Casino SD Arzúa.
"É un porteiro que o seguimos moito, non só este ano", confirmou na súa presentación o presidente do Arosa, Manolo Abalo.

Chema asegurou pola súa banda que se decanta pola proposta vilagarciá "pola aposta" e esperando "cousas grandes".
"Creo que o club merece pelexar polo máis alto e estou preparado para pelexar por iso", afirmou nas súas primeiras palabras como xogador arosista.
E é que o Arosa "ten un campo precioso, unha afección apaixonada, e creo que temos que responder a iso con resultados", sinalou con ambición sobre o que espera da próxima tempada.