Chipre, punto de partida do ambicioso calendario internacional de Lucía Vázquez

Vilaboa
18 de febreiro 2016

A ciclista de Vilaboa participará a próxima semana na Cyprus Sunshine Cup, unha proba por etapas da máxima categoría dentro do calendario de ciclismo de montaña da Unión Ciclista Internacional. Esta tempada ten previsto correr varias probas da Copa do Mundo 

Lucía Vázquez nunha competición co seu novo equipo, o Maiatos Reabnorte
Lucía Vázquez nunha competición co seu novo equipo, o Maiatos Reabnorte / Comunicación Lucía Vázquez

A Cyprus Sunshine Cup inaugurará a próxima semana, do 25 ao 28 de febrebro, o esixente calendario internacional que ten previsto realizar esta tempada a biker Lucía Vázquez na modalidade de Cross Country.

Despois de estrearse cunha proba de resistencia, a ciclista de Vilaboa participará agora nesta cita de ciclismo de montaña por etapas da máxima categoría da Unión Ciclista Internacional (UCI).

"Nesta carreira estarán as mellores bikers do mundo  e vai estar xenial codearme con elas", sinala Lucía, que acode a Chipre en busca de "moitos puntos UCI, que son a miña prioridade este ano".

Esta competición reúne a representantes de máis de 30 países e arrincará cunha contrarreloxo individual en Lefkara, que tamén será punto de saída e chegada da primeira etapa en liña. As dúas xornadas restantes terán como escenario Lythrodontas.

"Vai ser un test moi bo porque a lonxitude das etapas é similar ao das probas dun día do calendario de XC", sinalou a vixente campioa do Open de España de Cross Country.

Ao longo da tempada Lucía Vázquez ten previsto participar en varias probas da Copa do Mundo e outras citas importantes en países como Italia, Francia ou Alemaña, na que espera sexa sla tempada da súa consagración a nivel internacional.